20 aniversario da escola Tempos e Menssana

É un inmenso orgullo poder comunicarvos que este próximo curso a escola Tempos e Menssana vai cumprir 20 anos dende a súa apertura.

Non podemos máis que agradecer a vosa fidelidade durante esta  incrible viaxe: un proxecto coma este que naceu pequeniño e que foi medrando co paso do tempo, só se pode entender grazas a que sempre estivéchedes ao noso carón (tanto nos bos momentos coma nos non tan bos).

Despois destes dous últimos anos tan complexos, só podemos dárvolas grazas unha e mil veces polo voso cariño que sempre sentimos tan preto. Por este motivo estamos a argallar mil cousiñas de cara ao próximo curso, para facer que sexa un ano cheo de celebracións ao que NON PODEDES FALTAR.

A primeira novidade deste 20 aniversario é que imos abrir os 12 meses do ano!

Ademais, en setembro daremos a opción de pago mediante cotas anuais, cun 20% de desconto para as cotas de 12 meses e cun 10% de desconto para as cotas de 10 meses ao ano, para quen queira descansar en xullo e agosto.

Así que aproveitade para repoñer enerxías, que aquí vos agardamos a partires do 1 de setembro para comezar un novo curso cheo de sorpresas e celebracións. 

Un millón de grazas por tódolos bos momento que temos pasado ao voso carón. Esperemos que aínda nos queden polo menos outros 20 anos máis.

Unha aperta xigante,

Babi e Pablo

(codirectores de Tempos e Menssana)

GRAZAS, GRAZAS E MIL GRAZAS

«O segredo, querida Alicia, é rodearse de persoas que che fagan sorrir o corazón. É entón, e só entón, que estarás no País das marabillas.»

(Lewis Carroll)