Dende a dirección de Tempos e Menssana achegámosvos toda á información tocante ao festival benéfico de fin de curso. Para calquera dúbida, podedes consultarnos na escola.

O festival vaise celebrar o venres 24 de xuño. É día de San Xoán e festivo na nosa Comunidade, así que agardamos que poidades vir pasar unha emocionante tarde cos nosos bailaríns e bailarinas.

O evento terá lugar no salón de actos do colexio La Salle (Praza San Xoán Bautista de La Salle, Nº1, C.P. 15704, Santiago de Compostela). Abriremos as portas ás 17:15 h e o festival dará comezo ás 18:00 h.

Como xa saberedes, ademais de para amosar todo o traballo que levan feito os alumnos e alumnas ao longo dos últimos cursos, este é un acto solidario para recadar fondos para a Asociación Española Contra o Cancro (AECC). As entradas custan 10 €, e todo o importe será destinado á asociación.

Poderedes adquirir as entradas na escola, e o pago das mesmas terá que facerse en efectivo.

Non hai límite de compra de entradas por persoa, pero aconsellámosvos que o fagades o antes posible para que ninguén quede sen elas, xa que non se reservan entradas.

Para respectar o aforo e evitar incidencias, non se permitirá o acceso ao festival a toda aquela persoa que non teña entrada. Os nenos e nenas que vaian de acompañantes, independentemente da súa idade, tamén precisarán ter entrada para acceder.

Quen non necesita entrada son os bailaríns e bailarinas que actúan, por suposto.

As entradas non están numeradas así que, exceptuando os reservados que haberá para a directiva da AECC e demais, poderedes sentarvos onde desexedes.

Durante o confinamento un avó quixo colaborar coa nosa causa, e ata o día de hoxe dedicouse a facer pulseiras sen ánimo de lucro, para axudar e apoiar aos enfermos.

Por ese motivo, e aproveitando este gran traballo, redondeamos o prezo da entrada e cada compra levará unha pulseira feita con amor. (Ata fin de existencias).

Tamén dispoñeremos de fila 0 para todas aquelas persoas que non poidan asistir pero queiran colaborar economicamente con esta causa tan necesaria.

Cada profesor comunicará aos pais e nais dos bailaríns e bailarinas o horario de ensaio que teñen para ese día e a que hora teñen que estar á tarde recinto, ou que grupos estarán alí todo o día. Unha vez rematado o festival, faremos a entrega de tódolos nenos e nenas fóra do salón de actos.

Con moita ilusión convidámosvos a asistir e vivir unha tarde repleta de danza, música e solidariedade. Enchamos de aplausos o festival que tanto tempo levamos agardando poder facer e que con tanto esforzo e agarimo preparamos para vós.

Unha aperta!